MAGOSTO 2013


Queridas familias, dende a APA queremos repetir a experiencia do curso pasado para recuperar a fermosa tradición do Magosto e convidámosvos a facer entre todos unha xuntanza para estar un anaco de leria, xogar, escoitar algo de música e, por suposto, papar castañas. Será o venres, 15 de novembro, de 18h a 20:30h, na parte superior do colexio, concretamente, no espazo do patio cuberto.

Quen queira pode traer pratos ou postres caseiros para facer unha degustación de receitas que leven, a poder ser, algún ingrediente propio do tempo no que estamos, aínda que non é requisito necesario.
Tamén podedes traer colares e figuriñas de castañas para armar unha mostra de zonchos e creacións artísticas.

Ese día vestide calzado e roupa cómoda porque pais e avós imos xogar cos nosos fillos e netos aos xogos populares de sempre. Lembrade os vosos tempos da infancia para poder ensinarlles a lanzar as chapas ou facer bailar as buxainas; darlle á comba ou termar a goma; poderemos facer equipo con eles nunha carreira de tres pés ou de sacos, axudárlles a manter o equilibrio sobre os zancos ou brincar á mariola; demostrarlles as nosas habilidades coa ra, os aros ou a chave,… en definitiva, vide preparados porque imos disfrutar a reo cos nosos cativos dunha tarde de xolda.

Para a boa organización desta actividade axudaríanos ter unha aproximación das persoas que ides asistir. Podedes apuntarvos neste FORMULARIO.

Empresa colaboradora

Comentarios

Entradas populares