FESTA DO MAGOSTO


Queridas familias, dende a Xunta Directiva da APA queremos recuperar a fermosa tradición do Magosto e convidámosvos a facer entre todos unha xuntanza para estar un anaco de leria, xogar, escoitar algo de música e, por suposto, papar castañas. Será o venres, 16 de novembro, de 18h a 21h, na parte superior do colexio, concretamente, no espazo do patio de columnas e do patio cuberto.
Se cadra somos unha chea de xente e non é doado amañar no momento castañas para todos así que, pedímosvos que cada neno leve á escola nos días previos unha ducia de castañas, xa cortadas. A ver se somos quen de facelas nun asadeiro que argallamos con material reciclado… ¡non volo podedes perder!
Quen queira pode traer pratos ou postres caseiros para facer unha degustación de receitas que leven, a poder ser, algún ingrediente propio do tempo no que estamos, aínda que non é requisito necesario.
Os máis mañosos tamén podedes traer colares e figuriñas de castañas para armar unha mostra de zonchos e artesanías.

Ese día vestide calzado e roupa cómoda porque pais e avós imos xogar cos nosos fillos e netos aos xogos populares de sempre. Lembrade os vosos tempos da infancia para poder ensinarlles a lanzar as chapas ou facer bailar as buxainas; darlle á comba ou termar da goma; poderemos facer equipo con eles nunha carreira de tres pés ou de sacos, axudárlles a manter o equilibrio sobre os zancos ou brincar á mariola; demostrarlles as nosas habilidades coa ra, os aros ou a chave,… 
En definitiva, vide preparados porque imos disfrutar a reo cos nosos cativos dunha tarde de xolda.

Para a boa organización desta actividade axudaríanos ter unha aproximación das persoas que ides asistir. Podedes apuntarvos pinchando AQUÍ  

Empresa colaboradora

QDAMOS!! 

Comentarios

Entradas populares